Martes. 30.04.2024

A segunda edición do programa Reimaxina a ciencia Galicia, impulsado por Novartis e no que colabora a Consellería de Sanidade, tivo as súas primeiras paradas en Vigo, Santiago e na Coruña, baixo o título Ensaios clínicos, investigación e desenvolvemento de medicamentos, nuns actos que contaron coa participación de 1.160 estudantes de 20 centros educativos de 1º da ESO e 2º de Bacherelato de toda a comunidade galega.

Nesta ocasión, a iniciativa consistiu nunha xornada de monólogos para axudar á xuventude a entender que son os ensaios clínicos e a súa importancia para a investigación e o desenvolvemento de medicamentos.

O programa Reimaxina a ciencia ten como obxectivos achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade dun xeito ameno e entretido, fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas ou impulsar oportunidades profesionais na contorna da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas dun xeito divertido.

O programa impárteno científicos profesionais a nivel nacional adheridos á Asociación The Big Bang Theory (Big Ban Ciencia) que dende o ano 2013 desenvolven actividades por toda España explicando a ciencia de xeinto accesible ao estudantado mediante espectáculos de teatro, radio, televisión e publicacións.

Todos os estudantes foron convidados a participar no concurso que forma parte do programa consistente na elaboración de vídeos propios nos que mostren a súa capacidade comunicativa a través da divulgación científica. Os traballos seleccinados presentaranse en directo nunha gala amenizada por Big Bang Ciencia, e un xurado composto por membros da comunidade científica, educativa e cultural elixirá o vídeo gañador. A gala desenvolverase o 22 de abril no salón de actos da Consellería de Sanidade, en Compostela.