Mércores. 24.04.2024

O Concello de Boiro executa obras para a mellora da infraestrutura no Parque Empresarial de Espiñeira coa habilitación de dúas zonas de aparcamento e descanso. O alcalde, José Ramón Romero, visitou o lugar para coñecer o estado de execución das actuacións que se están a levar a cabo en dúas parcelas de titularidade municipal.

As actuacións que se están realizar teñen como finalidade a mellora das infraestruturas viarias no interior do parque empresarial de Espiñeira, habilitando nel novas prazas de aparcadoiro e, desta maneira, dotándoo de máis espazos para carga e descarga de mercadorías e facilitando o tránsito habitual de vehículos e facilitando o traballo diario das industrias situadas no parque empresarial.

Dende que o Polígono Industrial de Espiñeira comezou a súa actividade no ano 1998 e se realizou a ampliación para a segunda fase no ano 2009 non deixaron de instalarse nel empresas. Na actualidade o parque empresarial conta con máis de 60 parcelas, tendo ocupada máis do 80% da súa superficie. Recentemente instaláronse empresas cun gran volume de man de obra, que leva aparellado un gran movemento diario de vehículos e a necesidade de ampliación do espazo de aparcamento.

As actuacións para a mellora destes servizos estanse a realizar en dúas parcelas de titularidade municipal e, con elas, vaise habilitar espazo de estacionamento en dúas localizacións distintas, unha na Fase I de 2.327 metros cadrados para 48 prazas de aparcamento e outra na Fase II de 2.550 metros cadrados para espazos de aparcamento e zona de descanso.

As actuacións, dun importe total de 78.666,84 euros, estanse a executar mediante o cofinanciamento de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación mediante unha subvención para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.