Venres. 19.04.2024

O Concello de Boiro, mediante a Concellería de Medio Ambiente, vén de adquirir dous puntos limpos móbiles co obxectivo de achegar a reciclaxe aos núcleos de poboación de todas as parroquias. O concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, realizou a presentación dos puntos limpos e a campaña de reciclaxe que se vai levar a cabo.

O obxectivo desta adquisición é financiar o programa ‘Reciclaxe en movemento’ e coa que se van percorrer os distintos núcleos de poboación do municipio, achegando o punto limpo que o Concello de Boiro ten en Espiñeira ás parroquias. “O que buscamos con esta campaña é ampliar os servizos en materia de recollida de lixo dos que dispón o Concello de Boiro e promocionar a reciclaxe achegando o punto limpo á veciñanza“, recoñeceu o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus.

Os puntos limpos que se veñen de adquirir conteñen sete bocas de residuos para a recollida de lámpadas e fluorescentes, téxtil e roupa, xoguetes e outros plásticos que non se poden depositar no contedor amarelo, pilas e baterías... entre outros.

O programa `Reciclaxe en movemento’ comezou a mediados do mes de outubro e os dous puntos limpos rotarán cada dúas semanas, pasando durante todo o ano e estarán durante dúas semanas en cada núcleo.

A adquisición destes puntos limpos realizouse mediante unha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, actuacións cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia da UE, financiado pola Unión Europea-Next GenerationUE.