Sábado. 04.05.2024

“Na xestión pública, un dos mellores indicadores da capacidade e da saúde dos gobernos é a aprobación en tempo e forma dos orzamentos anuais. En Vilalba, o goberno local presidido por Elba Veleiro (PSOE) segue cos orzamentos prorrogados dende 2019, ano no que foron elaborados e aprobados polo PP. A incapacidade de xestión de Veleiro está sobradamente demostrada e sábeo”, apunta a portavoz popular Sandra Vázquez. Engade que “intenta tapar coas críticas á Xunta a incompetencia do goberno municipal para resolver os problemas do concello”.

Os populares din que a queixa de Veleiro e o seu equipo con respecto á Xunta “desmóntanse con números”. Sandra Vázquez lembra que “no 2021 a Administración autonómica dedicou a Vilaba máis de 11,5 millóns de euros. Do total, un millón foi do Fondo de Cooperación Local, mentres que do Fondo de Compensación Ambiental aportou 192.991 euros para a mellora da rede de abastecemento e saneamento da Rúa As Pedreiras; para a renovación do parque infantil, 23.416 euros. Concedeu axudas a asociacións de distinto tipo; as aportacións a empresas totalizaron 203.000; o segundo plan de rescate deixou no municipio máis de 600.000 euros”.

Sandra Vázquez lembra ao goberno local que “a Xunta destinou case 70.000 euros para a humanización da travesía Os Castros. Ao ámbito educativo dedicou a Xunta no 2021 en Vilalba 1,6 millóns; a estimular o emprego, un millón, cantidade na que se incluíu a aportación para os obradoiros de emprego. Ao Servizo de Axuda no Fogar a Xunta destinou no 2021 1,8 millóns, e tamén aportou para o servizo de atención temperá”. Vázquez destaca que “pola súa parte a Consellería de Medio Rural apoiou ao municipio con máis de cinco millóns de euros”.

Vázquez sinala: “Un goberno que non é capaz de organizarse a si mesmo, mal pode xestionar debidamente o municipio. Levamos tres anos sen aprobar o orzamento e seguimos co do 2019 prorrogado; por certo, foi un orzamento aprobado polo PP e contra o que votaron os socialistas”.