Venres. 29.03.2024

A Xunta aprobou seis acordos da Consellería do Medio Rural para declarar de utilidade pública e de interese social os polígonos agroforestais de Barzamedelle (Leiro), Vences (Monterrei), Solbeira (Paderne de Allariz), Pousada (Riós), Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade) e Mandelos (Crecente), para poñer en valor unha superficie total de case 420 hectáreas. Elévase así a oito o número de polígonos de iniciativa pública declarados na nosa comunidade ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tras os de Cualedro e Oímbra iniciados o ano pasado que actualmente se atopan na fase de redacción do proxecto básico.

Neste senso, cabe sinalar que o pasado 8 de xullo saían publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) os acordos polos que se iniciaban os procedementos de aprobación para o desenvolvemento destes seis polígonos agroforestais, os cales motivaron a elaboración dos estudos de viabilidade en cada un dos casos. Unha vez feitos e aprobados estes estudos, determinouse decretar os pertinentes procedementos para iniciar así a redacción do proxecto básico de cada un dos polígonos. Seguidamente, iniciarase a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade nas distintas áreas, de seren necesarios.

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, os procedementos serán sometidos a un proceso de concorrencia competitiva. Ademais, cómpre ter en conta que a declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia dos procedementos.

Desta forma, coa aprobación destes decretos -que terán que saír publicados no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor- acordouse o inicio destes procedementos, que teñen como obxectivo prioritario poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.

Así, na provincia de Ourense, no caso concreto do polígono de Barzamedelle (Leiro), recuperarase unha superficie de 145,6 hectáreas distribuídas nunhas 183 parcelas de 113 propietarios e establécense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos, de ciclo curto e sistemas agroforestais (sistemas de aproveitamento mixto fundamentalmente gandeiro e forestal -frondosas caducifolias- e, nalgún caso, algún tipo de cultivo agrícola complementario para o aproveitamento gandeiro e compatible cos outros dous). Canto ao de Vences (Monterrei), apóstase polos cultivos leñosos nunha superficie de 22,44 ha, repartidas nuns 535 predios de 331 titulares catastrais. No que respecta ao polígono agroforestal de Solbeira (Paderne de Allariz), orientarase á gandaría nunha extensión de 43,36 hectáreas, cunhas 317 parcelas e 208 propietarios.

No que se refire ao polígono de Pousada (Riós), terá unha superficie de 93,89 ha -cuns 663 predios e 200 titulares implicados- que estarán centradas na plantación de castiñeiros. Xa na provincia de Pontevedra, o polígono de Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade) constará de 67,88 hectáreas, unhas 1.534 parcelas e 278 propietarios, avogando polos cultivos leñosos e sistemas agroforestais. Por último, o de Mandelos (Crecente) centrarase nos cultivos leñosos, de horta e sistemas agroforestais, nunha superficie de 45,04 ha, cuns 391 predios e 183 titulares catastrais.

Cabe engadir que as causas polas que procede desenvolver estes seis polígonos son a existencia dun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, así como o acordo das persoas propietarias dos predios, acadando ata un 70% da superficie das terras incluídas no perímetro proposto. Nestes casos concretos, cabe resaltar que as porcentaxes de acordo roldaron o 84% de media.

A Xunta declara de utilidade pública e de interese social seis polígonos agroforestais