Domingo. 03.03.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa publicou a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convoca o Plan Marco 2022-2023, que contempla preto de 18 millóns de euros en axudas para que os concellos galegos poidan mellorar os seus camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. En concreto, o orzamento ascende aos 17.994.606 euros (4,3 millóns para este ano e 13,6 millóns de euros para o 2023), case un 26% máis que o consignado na pasada convocatoria, a de 2021-2022.

O obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e doutras infraestruturas. Estes camiños facilitan o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas que se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios das respectivas contornas. Por iso, a Xunta quere promover con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

En concreto, a finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o  reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Para chegar a cada un dos concellos da comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O orzamento previsto repartirase por provincias da seguinte forma: 5,4 millóns de euros irán para A Coruña, outros 4,6 millóns de euros son para Lugo, para Ourense consígnanse 4,3 millóns de euros e, por último, 3,5 millóns de euros destinaranse aos concellos da provincia de Pontevedra.

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á presente anualidade será o vindeiro 10 de setembro, mentres que o tope para o exercicio próximo será o 10 de xuño de 2023.