Mércores. 15.05.2024

Avanzan nos trámites para a construción dun novo centro de saúde en Malpica

 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o alcalde do Concello de Malpica de Bergantiños, Eduardo José Parga Veiga, manteñen unha reunión no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o alcalde do Concello de Malpica de Bergantiños, Eduardo José Parga Veiga, manteñen unha reunión no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.

Na xuntanza, á que asistiron a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, a Xunta e o Concello avaliaron a posibilidade da construción dun novo centro nunha proposta de parcela achegada polo alcalde, e que pode cumprir coas necesidades requiridas polo Sergas.

Este centro de saúde aparece recollido na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro. O Goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Malpica tendo en conta que o actual centro de saúde, de 26 anos de antigüidade e de titularidade municipal, ten carencia de espazos para a actividade asistencial necesaria e conta con importantes deficiencias tanto estruturais como no estado de mantemento.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional que contempla incrementar en 3 as consultas para adultos e en 1 as de pediatría así como incorporar espazos para os profesionais como un despacho de coordinación, unha sala de estar ou vestiarios que non son posibles no actual inmoble polas súas carencias de superficie. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 1.000 metros cadrados de superficie.

Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.

Unha vez respondida esa solicitude por parte do Concello de Malpica coa oferta dunha parcela, na que é unha das primeiras propostas concretas recibidas pola Xunta por parte dos 28 concellos contactados, a Consellería de Sanidade dará inmediata resposta organizando unha visita de técnicos do Sergas aos terreos para poder avaliar así a súa idoneidade e, no caso de confirmala, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.


 

Avanzan nos trámites para a construción dun novo centro de saúde en Malpica