Segundo o goberno local, realizaranse as obras “exclusivamente necesarias e imprescindibles”

O Concello de Cedeira investirá 60.000 euros na reforma da EDAR de San Román de Montoxo

O goberno local de Cedeira aprobou o prego de contratación das obras de reforma e adecuación do sistema de saneamento en San Román. O contrato será financiado a cargo do POS+ 2023 e sairá a licitación pola contía de 59.997,96 euros, IVE incluído.

Segundo o consistorio, trátase dun proxecto necesario para mellorar o funcionamento da EDAR e corrixir as eivas derivadas dunha posta en marcha en precario no 2011. “As obras que se van realizar son exclusivamente as necesarias e imprescindibles para que a instalación funcione correctamente, cumprindo coa lexislación e a súa autorización de verteduras, evitando o impacto ecolóxico das augas residuais sobre o medio receptor”, engadiron dende a administración local.

Entre as actuacións recollidas no prego de contratación atópanse a substitución das pezas oxidadas por outras de aceiro inoxidable, a limpeza dos pozos, o cambio das bombas, a adecuación das máquinas para garantir as tarefas de mantemento sen parar a instalación, a dotación ao equipamento dun sistema de control e alarmas e a instalación un novo cadro eléctrico.